Sunday 19 de May de 2024

A Amtega e Orange comenzan este xoves unha nova edición da iniciativa de capacitación dixital “ao lado dos nosos maiores”


O ciclo ofrece 17 talleres prácticos nas aulas da Rede CeMIT para facilitar o uso de dispositivos móbiles entre as persoas maiores
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co operador de telecomunicacións Orange, organizan un ano máis a iniciativa “Ao lado dos nosos maiores”, un ciclo formativo sobre o uso de dispositivos móbiles. Serán un total de 17 talleres prácticos e gratuítos de dúas sesións de dúas horas de duración ,que se realizarán de forma presencial entre o xoves 19 de abril e o mércores 27 de xuño en diversas localidades da Rede de aulas CeMIT de Galicia.

O obxectivo principal desta actividade, impartida por persoal de Orange en calidade de aliado dixital, é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles así como solucionar as dúbidas que poidan ter para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e que se familiaricen coa tecnoloxía móbil.

Durante as 4 horas de actividade ensinarase a enviar fotos, vídeos e mensaxes por WhatsApp, gardar contactos, facer chamadas, acceder e navegar por Internet e resolver todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso do teléfono e/ou tableta.

Para asistir á actividade non é necesario ser cliente de Orange. É preferible que os participantes leven os seus propios terminais para acadar un maior aproveitamento do taller e no caso de que algún dos asistentes non acuda cun dispositivo móbil, os formadores disporán de 2 tabletas e 2 smartphones dispoñibles para o seu préstamo.

As persoas interesadas en asistir a estes talleres gratuítos poden inscribirse nas aulas CeMIT das seguintes localidades que amosaron o seu interese en participar:

Aula CeMIT Sesión 1 Sesión 2
Pontedeume
Xoves 19 de abril de 16:00 a 18:00 Martes 24 de abril de 16:00 a 18:00
Boiro
Mércores 25 abril de 16:00 a 18:00 Mércores 2 de maio de 16:00 a 18:00
Brión
Venres 4 de maio de 11:30 a 13:30 Venres 11 de maio de 11:30 a 13:30
Vilanova de Arousa
Luns 07 de maio de 17:00 a 19:00 Luns 14 de maio de 17:00 a 19:00
Abegondo
Martes 8 de maio de 10:00 a 12:00 Martes 15 de maio de 10:00 a 12:00
A Coruña
Martes 8 de maio de 11:00 a 13:00 Martes 15 de maio de 11:00 a 13:00
Cuntis
Venres 11 de maio de 11.30 a 13:30 Martes 15 de maio de 11.30 a 13:30
Betanzos
Martes 22 de maio de 10:00 a 12:00 Martes 29 de maio de 10:00 a 12:00
Santa Comba
Mércores 23 de maio de 16:00 a 18:00 Mércores 30 de maio de 16:00 a 18:00
Valga
Xoves 24 de maio de 10:00 a 12:00 Xoves 31 de maio de 10:00 a 12:00
Xunqueira de Ambía
Martes 29 de maio de 16:30 a 18:30 Xoves 31 de maio de 16.30 a 18:30
Bande
Mércores 6 de xuño de 11:00 a 13:00 Mércores 13 de xuño de 11:00 a 13:00
Vimianzo
Martes 12 de xuño de 10:30 a 12:30 Mércores 13 de xuño de 10:30 a 12:30
Castro Caldelas
Martes 12 de xuño de 17:00 a 19:00 Martes 19 de xuño de 17:00 a 19:00
Marín
Mércores 13 de xuño de 10:00 a 12:00 Mércores 20 de xuño de 10:00 a 12:00
Ribadeo
Luns 18 de xuño de 11:30 a 13:30 Luns 25 de xuño de 11:30 a 13:30
Cerceda
Mércores 20 de xuño de 11:00 a 13:00 Mércores 27 de xuño de 11:00 a 13:00

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel ce coñecemento.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias.

Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

Orange
Como mecenas e aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, Orange traballa para combater a fenda dixital no marco das telecomunicacións loitando contra a exclusión relativa ás TIC ao tempo que fomenta a dinamización social onde se sitúa esta iniciativa que pretende achegar ás persoas maiores á tecnoloxía co fin de facerlles a vida más doada.

Ademais, Orange colabora noutras actividades como aliado dixital coa iniciativa “Sé + Digital” un curso online de 20 horas que ofrecen a empresarios e emprendedores as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa actividade profesional e as aplicacións da tecnoloxía para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios. E co programa de “SuperProgramadores” para mozos e mozas co obxecto de sensibilizalos e inicialos na programación dun xeito lúdico.